Novo recoñecemento público para Pontevedra, única institución premiada polos 25 anos de Cogami
Por Natalia Puga
Pontevedra segue enchendo a vitrina de trofeos cun novo recoñecemento ao modelo de cidade impulsado dende o Concello. O próximo venres 11 de setembro será a única institución galega premiada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) no acto de celebración do seu 25 aniversario. A organización tamén recoñecerá o traballo en pro das persoas con discapacidade da Fundación Vodafone na categoría de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e do activista e ex secretario xeral de Cogami Antonio Vázquez Freire.
Os presidentes de Cogami e Amizade, Anxo Queiruga e Paulo Fontán, visitaron este venres o Concello de Pontevedra para trasladarlle a noticia ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que se manifestou "orgulloso" polo recoñecemento, ao que dá especial importancia por chegar de "persoas que teñen máis dificultades e máis necesidades", pois dende o Goberno local están "empeñados en construír unha cidade para ás persoas e con sensibilidade con persoas con máis dificultades", referíndose non só ás persoas con discapacidade, senón tamén aos nenos e persoas maiores.
Decidiron premiala "non só pola accesibilidade", senón por "moitas cousas ao longo do tempo"
Segundo informou Anxo Queiruga, na categoría de institucións que apoian a Cogami había catro propostas para recibir o recoñecemento, pero Pontevedra foi "a que tivo máis apoio e consenso moi amplo". Decidiron premiala "non só pola accesibilidade", senón por "moitas cousas ao longo do tempo", tales como a "implicación" do Concello axilizando todos os trámites para poder sacar adiante o centro de recursos de Amizade en Monte Porreiro.
Entre as cuestións que quere agradecer Cogami están a implicación en aspectos que tanto afectan ao día a día das persoas con discapacidade como a persecución das persoas que fan un uso fraudulento das tarxetas específicas para este colectivo e pola "interlocución" que teñen tanto co alcalde coma co seu equipo de goberno e os técnicos municipais. Ao respecto, Paulo Fontán, como interlocutor directo de Amizade co Concello, destaca a "proximidade e receptividade" que sempre encontra a nivel político e técnico, cunha "escoita activa" ás súas demandas que sempre se traduce en resultados.
Anxo Queiruga quixo insistir, dende a súa experiencia particular, en que "evidentemente que recoñecemos que Pontevedra é unha cidade na que dá gusto moverse", na que, polas súas condicións de accesibilidade, as persoas "teñen a liberdade de ir dun lado a outro". Iso só é posible pola "adrede decidida" do Goberno local.
Relacionadas:
-
Unha empresa asesorará ao Concello para garantir que as obras municipais cumpren criterios de accesibilidade
Por Natalia Puga |
-
Unha cidade accesible porque "as persoas con discapacidade non só paseamos"
Por Redacción |
-
A sociedade pontevedresa brinda polo premio ONU-Hábitat entregado en Dubái ao modelo urbano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, referente mundial: premiada por Dubái e a ONU polo seu modelo de cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Doce personas con discapacidade aprenden a levar un transporte de viaxeiros
Por Redacción |
-
93 pontevedreses conseguiron un traballo grazas a un proxecto de responsabilidade social corporativa
Por Redacción |
-
'Amizade', 25 anos rompendo obstáculos para as persoas con discapacidade
Por Natalia Puga |