Caldas, Cuntis e Moraña reciben financiamento para obras procedente da explotación da presa
Por Redacción
O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de colaboración entre Augas de Galicia, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, polo que os municipios recibirán fondos procedentes do convenio de explotación hidroeléctrica da presa do Umia.
Augas de Galicia, en virtude deste acordo, achegará 386.354,14 euros para o financiamento de actuacións de carácter educativo, cultural e de asistencia social durante o presente ano.
Cada un dos concellos recibirá a mesma partida presupostaria, de 128.784,71 euros.
O convenio ten un carácter anual e xorde como compensación económica a Cuntis, Moraña e Caldas pola construción do encoro nos seus respectivos termos municipais.