Estoupa unha bombona de butano nun cámping de San Vicente do Mar
Por Redacción
Dúas persoas foron atendidas na madrugada deste xoves no cámping Siglo XXI, situado en San Vicente do Mar (O Grove), ao sufrir unha crise de ansiedade como consecuencia da explosión dunha bombona.
Os feitos sucederon, segundo indicou o 112 Galicia, sobre a unha da madrugada. Foi o propietario do cámping o que pediu axuda e indicou que acababa de estoupar unha bombona de butano no exterior dun dos edificios das instalacións.
Aseguraba que a bombona, que manipulaba un dos usuarios, xa fora retirada e que non había persoas feridas.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia puxo en alerta aos Bombeiros do Salnés e aos efectivos de Protección Civil do Grove e do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo.
Unha vez desprazados no punto, os membros do servizo de emerxencias confirmaron ao persoal do 112 Galicia que a bombona se encontraba na cociña exterior dunha caravana e, tras estoupar, afectou tanto á caseta coma ao que había no seu interior, como unha neveira e mobles de cociña.
Non houbo persoas feridas, salvo as dúas que, segundo o alertante, quedaron en estado de shock tras a explosión. De feito, ao lugar o 061 desprazou unha ambulancia asistencial que atendeu in situ a unha muller duns 42 anos debido a unha crise de ansiedade, tras o que recibiu a alta voluntaria, segundo sinalaron fontes sanitarias.
O 112 Galicia tamén informou do sucedido á Garda Civil e ao persoal da empresa subministradora do gas.