Women in black para tomar conciencia sobre os asasinatos machistas
Por Redacción
Os asasinatos de mulleres ás mans dos seus maridos, noivos ou ex parellas non son casos illados, senón un problema estrutural que afecta a toda a sociedade e que require dunha intervención global para poñerlle freo. Con esta premisa como punto de partida, un grupo de mulleres protagonizou este mércores unha performance contra os asasinatos machistas simultáneamente en 13 cidades españolas, entre elas, Pontevedra.
Baixo o título Women in Black, sementou a praza da Peregrina de mulleres de rigoroso loito e profundo silencio a xeito de cadáveres dunha guerra na que as vítimas non cesan e na que este verán foron asasinadas 34 mulleres ás mans de homes e outros cinco varóns faleceron nun contexto de violencia de xénero.
A acción pretende visibilizar a lacra da violencia de xénero e alertar sobre a gravidade das cifras, que este verán inclúen seis nenos (catro mulleres e dous homes). Todo iso para sensibilizar á opinión pública de que toda a sociedade debe implicarse para cambiar este problema estrutural.
A convocatoria gañou simbolismo ao celebrarse xusto despois dun verán especialmente negro, pois só nos meses estivais concentrouse o 54% dos 63 feminicidios e outros asasinatos de mulleres do ano 2015 cometidos ata agora. De media, un home asasinou unha muller cada dous días, datos que, segundo Feminicidio.net, non se producían en España dende os meses de xuño e xullo de 2010.
A organización recorda, a través dun comunicado, que Women In Black é unha performance ideada polas artistas María Seco e May Serrano en 2013 que o colectivo bilbaíno Mujeres Imperfectas xa puxo en marcha en 18 ocasións coa participación de máis de 800 mulleres.
Relacionadas:
-
"Querémonos vivas"
Por Redacción |