Lores cuestiona a lealdade da Xunta: "Moito me temo que a reunión co presidente non serviu para nada"
Por Natalia Puga
O cruzamento de reproches que se desencadeou entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra a raíz da decisión de Augas de Galicia de deixar sen efecto o convenio asinado para executar o proxecto de saneamento do río Gafos chegou este mércores ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que enmarca a situación dentro dunha política xeral de falta de apoios da Administración autonómica cara a Pontevedra.
"Xa perdín a esperanza de que a Xunta funcione como unha administración leal", reprochou Lores, que engade que "o único ao que se dedica" a Administración que preside Alberto Núñez Feijóo é "a sacar balóns fora" e intentar esquivar competencias que lle corresponden, como neste caso o saneamento da Ría de Pontevedra. Recorda o alcalde capitalino que manter en boas condicións a Ría e o funcionamento da depuradora son responsabilidades da Xunta e, para conseguilo, o colector do Gafos que se instalaría no proxecto agora paralizado resulta "fundamental".
Lores considera que a postura da Xunta ao paralizar o convenio "é absolutamente impresentable e non é de recibo", pois culpa ao Concello de non ter cumprido e apela a que non se puxo á súa disposición o terreo necesario para a obra, pero son só "escusas de mal pagador" e unha actuación desleal. Dende o seu punto de vista, "entre administracións non se traballa así".
A pesar de que ten un enfado evidente en relación con este asunto, Lores anunciou que "non penso nin chamar ao presidente", alusión a Núñez Feijóo e a unha posible chamada para pedilo que retome o proxecto. Non levantará o celular porque "non teño ganas de guerra". Maniféstase cansado porque isto evidencia que non cambia" a postura de "sempre o PP en contra desta cidade".
O proxecto de saneamento do Gafos estivo presente na reunión que mantiveron este verán o presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra. Tras o último episodio, Lores mantén que "moito me temo que a reunión co presidente non serviu para nada".
Relacionadas:
-
Balance "moi positivo" de Lores nos primeiros cen días do seu novo mandato
Por Alejandro Espiño |
-
Case 60 millóns en investimentos para o 'Horizonte 2020' que se marca o Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A voltas co saneamento do Gafos: a Xunta reprocha ao Concello que non entregou os terreos necesarios
Por Redacción |
-
O Concello seguirá adiante co proxecto para sanear o Gafos que paralizou a Xunta
Por Natalia Puga |
-
O Gafos, sen saneamento: a Xunta dá marcha atrás ante o "reiterado incumprimento" do Concello
Por Redacción |