Máis de 200 afectados "toman" o salón de plenos da Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Algúns dos afectados xa marcharan ás súas casas, levaban máis de dúas horas na avenida de Monteiro Ríos protestando e entoando lemas como "Responsables da fusión a prisión" ou "Non pode ser, nós a traballar e eles a roubar". Foi entón cando un dos voceiros que se encontraba no salón de plenos asistindo á reunión entre Louzán e os alcaldes baixou e, dende a entrada do edificio da Deputación, se dirixiu aos manifestantes: "Vamos, todos dentro". "Todos? " preguntaron. " Si, todos".
E en grupo comezaron a entrar no inmoble. Os encargados de seguridade intentaron pechar as portas do Pazo sen logralo. Os ánimos estaban moi acendidos e os afectados avanzaban superando calquera obstáculo. Subiron polas escaleiras cara ao salón de plenos e alí entraron interrompendo a reunión. Os voceiros intentaron calmalos. Louzán afirmou ante os afectados que ían intentar buscar solucións. Pero algúns dos manifestantes interrompían a berros:
- Queremos compromisos de que non vai a quita adiante. Non só falar.
O alcalde de Redondela, Javier Bas, incidiu en que ían facer o posible para que se resolvan as arbitraxes. E o público seguiu reclamando:
- Que se resolvan. Somos todos aforradores.
- Mírenos á cara. Onde somos nós investidores?
- Pedimos a devolución dos cartos porque a xente está desesperada. Se os políticos deran un paso antes non estariamos aquí despois dun ano.
Os voceiros das plataformas de afectados tamén insistían neste sentido afirmando que "Rajoy non foi sensible cos afectados" e reclamando "que o PP nos quite de aquí que é o que está a gobernar" e así reclamaron o compromiso expreso de Louzán:
- Que Louzán poña a carne non asador e lle diga a Feijóo e Rajoy que nos quiten disto.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, tomou a palabra e reclamou a Louzán "un consenso cos alcaldes no texto que se vai levar a pleno co que todos esteamos dacordo para que todos os aforradores teñan que recibir todos os cartos que depositaron".
O presidente da Deputación non aceptou a crítica e indicou: "pero quen non vai querer que se lle devolvan os cartos a esta xente? Aí estamos todos dacordo".
E tras algunhas intervencións máis nas que se reclamaron compromisos aos políticos presentes, Rafael Louzán deu por rematada a reunión. Varios afectados achegáronse a el cando intentaba marchar cada un expoñendo o seu caso. Unha moza afectada xirouse visiblemente enfadada berrando"e agora están a darlle bicos a Louzán. Manda huevos!".
Unha vez fóra do edificio, cos ánimos máis calmados, dispersáronse cara aos seus autobuses. Nos próximos días, decidirán que novos actos de protesta van levar a cabo.