Louzán proponse liderar un movemento de apoio ás preferentes
Por Oskar Viéitez
O Presidente da Deputación, Rafael Louzán, en nome do organismo que preside e do Partido Popular, comprometeuse a realizar as xestións oportunas para a defensa dos intereses dos "estafados" polas preferentes.
Ademais propúxose liderar un movemento de apoio xunto aos alcaldes dos municipios afectados.
O primeiro paso desta iniciativa será enviar unha carta ao presidente de NCG Banco, José María Castellano, para que os reciba e abordar unha solución para este problema "que nos explique a situación para buscar saídas"
Ademais Louzán dirixirase á Xunta e ao Goberno central para que a totalidade dos afectados sexan considerados aforradores e non inversores, co obxectivo de que se descarte definitivamente a quita.
A meta que se persegue é a devolución aos aforradores da totalidade do seu diñeiro. E para iso sinala como a mellor vía a arbitraxe.
Louzán situou en catorce mil os aforradores beneficarios desta medida.
Finalmente o presidente da Deputación completará as súas actuacións cunha moción no ente provincial en "defensa dos intereses dos afectados polas preferentes".