Presentan unha queixa porque a oficina de Correos de Bueu non ten follas de reclamación oficiais
Por Redacción
Un consumidor presentou unha reclamación formal na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) de Bueu denunciando que a oficina de Correos na localidade carece de follas de reclamación oficiais a disposición dos cidadáns.
O autor da queixa é un veciño de Bueu que na mañá deste luns 31 de xaneiro acudiu á citada oficina para recoller un paquete e recibiu un trato que non lle agradou. Segundo indica, unha das traballadoras atendeuno cun trato "chulesco, agresivo y burlón", de modo que decidiu presentar unha queixa, pero á crítica pola atención recibida se uniu, nese momento, unha segunda queixa.
Cando o veciño quixo formular unha reclamación comunicáronlle que non existían follas oficiais habilitadas con ese fin, de modo que decidiu chamar a Policía Local de Bueu. Os axentes compareceron na oficina e, segundo consta na queixa presentada na OMIC, puideron confirmarl a asencia de follas de reclamacións.
O seguinte paso dado polo cliente foi facer valer os seus dereitos como consumidr e acudir á OMIC para formalizar a súa denuncia e reclamar que se admita a trámite a queixa e, ao mesmo tempo, que se adopten as medidas necesarias para "corregir las irregularidades expuestas".