Chega setembro e regresa o verán
Por Redacción
Este luns despedimos o agosto con máis precipitacións e temperaturas baixas do que se recorda nos últimos anos. Foi un mes nefasto, meteoroloxicamente falando. Pero coa chegada de setembro, parece que regresa o verán. Polo menos, iso é o que mostran as previsións para esta primeira semana.
Segundo informa Meteogalicia, a partir deste martes 1 de setembro as altas presións consolidaranse nas Rías Baixas deixando varios días seguidos de ceos despexados e temperaturas que invitarán a deixarse ver, igual que este domingo, por algunha das praias da provincia de Pontevedra.
Así, espérase para os próximos días unha alternancia de períodos de ceos con nubes e claros con outros pouco anubrados ou despexados xa a partir do xoves día 3. As temperaturas serán normais para esta época do ano, alcanzando máximas de 26 graos. Iso si, as mínimas descenderán lixeiramente e poderían chegar ata os 13 graos.
Estas altas presións que traerán este bo tempo a Galicia están localizadas no Atlántico, ao oeste das illas británicas, polo que o vento soprará de compoñente norte.
A predición completa pódese consultar na sección do Tempo de PontevedraViva.