Ferido o condutor dun vehículo que caeu por un terraplén de catro metros en Ponte Sampaio
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida tras precipitarse co seu vehículo por un terraplén situado en Ponte Sampaio, ao sufrir unha saída de vía co coche que conducía. Tras ser atendido polo persoal de urxencias, foi trasladada a un centro hospitalario da cidade.
En concreto, o turismo precipitouse por un terraplén duns catro metros de profundidade, nunha zona de difícil acceso. Por iso, o 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Pontevedra en canto tivo constancia de que o condutor, e único ocupante do vehículo, podería ter dificultades para saír do turismo.
Malia que non foron necesarios medios de excarceración, os efectivos de rescate si que axudaron á persoa a abandonar o vehículo, xa que non podía saír polos seus propios medios.
O accidente tivo lugar na coñecida estrada de Rañadoiro, na parroquia de Ponte Sampaio, á altura de Acevedo.
O aviso realizouno un particular que chamou ao 112 Galicia pasados uns minutos das 16.00 horas desta tarde e, de inmediato, informouse a Urxencias Médicas, Protección Civil de Pontevedra e ás forzas da orde.