Fartura de marisco no Grove
Por Redacción
Unha ración de 100 gramos de camarón grande a 10,50 euros; langostinos a 6,60; cigalas a 9,80; ou ameixas a 8,50 euros. Dende este venres 5 de outubro, e ata o domingo día 14, O Grove está preparado para que os visitantes se den unha homenaxe, unha fartura de marisco a prezos populares.
Empezou a XLIX edición da Festa do Marisco do Grove. Fíxoo cun éxito de público maior ao habitual no primeiro día do evento. De feito, xa antes de que se abrisen os postos, os clientes facían cola na caixa e en pouco máis dunha hora despacháronse máis de 3.000 racións.
Xa antes de que o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, lese o pregón ás 21.00 horas, os clientes empezaron a gozar dos pratos ofertados na carta. Na edición 2012 a principal novidade en canto a oferta gastronómica chega da man da cooperativa Amegrove, que dispón un prato de dez croquetas de marisco a 4,90 euros e tamén mexillóns tigre.
En canto a prezos, o máis destacado da edición é a suba da porción de berberechos, que en 2011 custaba 3,50 euros e subiu aos 6 euros debido á escaseza de capturas das últimas semanas.
Os que dispoñan dun presuposto limitado poden gozar dunha porción de empanada de atún ou mexillón a 2,80 euros e os que leven nenos tamén terán, por primeira vez, a oportunidade de que os pequenos se vaia contentos. Un menú infantil a base de empanada de atún, fideos á mariñeira, pan, auga, sobremesa e, de regalo, lapis de cores e unha mochila. Todo por 6,50 euros.
Como non todo vai ser comer, o primeiro día a festa estará amenizada por unha gala musical a cargo de Gisela, Chenoa ou La Década Prodigiosa. Ademais de que o recinto do Corgo está amenizado con música portuguesa, xa que, coincidindo coa inauguración, un ano máis, se celebra o Día de Portugal.