O Grove resístese a perder a Torre de Escuredo
Por Redacción
A Torre de Escuredo, un dos edificios máis singulares do Grove, está oficialmente en venda. Hai uns días que os seus donos, cansos das trabas que se lles puxeron a todos os proxectos que presentaron para rehabilitar o inmoble, optaron por desfacerse del. Pero o Concello do Grove non quere que acabe en mans de terceiros e optou por abrir negociacións para que poida ter un aproveitamento público.
Non sería, segundo parece, mediante unha operación de compravenda porque sería economicamente inviable para as arcas municipais. O alcalde, José Cacabelos, quere recuperar o convenio que se tiña proposto hai xa seis anos, na súa anterior etapa á fronte do concello.
A proposta na que se tiña traballado consistía nunha edificación integrada en diferentes alturas na medianeira do edificio de maior altura que está contiguo á finca, unha praza diante con acceso directo á beirarrúa e a reconstrución da casa na zona máis próxima á Fonte do Galo. Esta casa sería cedida ao concello ao igual que parte do aparcamento soterrado que contaría con parte das súas prazas para uso público.
Naquel momento, recordan desde o goberno municipal, os donos da Torre estaban totalmente de acordo con esta posibilidade, unha actuación que melloraría notablemente a imaxe desa rúa e, ademais, da entrada ao centro do pobo.
Tras unha xuntanza de urxencia cos propietarios, estes acordaron poñer en suspenso a venda durante tres semanas para negociar a recuperación do convenio sinalado no PXOM do Grove.
A Torre de Escuredo, declarada como Ben de Interese Cultural hai case vinte anos, é unha das xoias arquitectónicas da vila. Actualmente atópase en estado ruinoso tras décadas de abandono, pero no seu día foi un gran exemplo da arquitectura modernista que chegou cos ‘indianos’, os inmigrantes galegos que triunfaran nas Américas. Neste caso, grazas a Luis Mestre Roig, un home de considerable fortuna que xestionaba o balneario da Toxa.