Termas de Cuntis pide permiso para ampliar as instalacións e converterse no "maior centro balneoterápico de España"
Por Redacción
A empresa Termas de Cuntis presentou unha solicitude no Concello para poder acometer un proxecto de ampliación das súas instalacións. Quere construir un novo edificio próximo ao actual -nunha área arborada próxima ao río Gallo- e un circuíto de piscinas de hidroterapia.
Segundo informou Termas de Cuntis a través dun comunicado, o novo edificio terá un tamaño reducido e estará destinado a recepción, consulta médica e vestiarios, entre outros equipamentos. E o seu deseño concibirase para crear unha zona de relaxación integrada no entorno natural.
O prazo de execución do proxecto para o que se pide permiso sería de varios meses e ten como obxectivo "converter Cuntis no maior centro balneoterápico de España e nunha referencia internacional de primeiro nivel".
O novo proxecto outorga continuidade ao convenio asinado pola empresa co Concello de Cuntis hai máis de vinte anos, tempo en que se fixeron o balneario de Forniños, o hotel Castro (4 estrelas), a completa remodelación e ampliación do hotel La Virgen (4 estrelas), a ampliación do balneario de Forniños coa creación do espazo lúdico-termal Acquaforn e o edificio de servizos complementarios.