Seis anos despois a nova iluminación pública funciona en Cova de Pazos
Por Redacción
Foron seis anos de espera, pero os veciños de Cova de Pazos, en Noalla, xa contan con nova iluminación pública.
Dende hai unha semana as novas luminarias encóntranse en funcionamento tras ser conectadas á rede xeral.
A instalación destas produciuse no ano 2009, dentro dun proxecto de urbanización da estrada, que entronca a igrexa de Noalla coa vía rápida financiado con fondos do Plan E.
Non obstante malia as obras durante os últimos anos foron os vellos postes os que ofrecían o servizo por discrepancias entre o Concello e Unión Fenosa, postes que estaban situados dentro da calzada e con luz tenue co perigo para a seguridade vial que iso provocaba.
Ademais da posta en funcionamento da nova iluminación, retiráronse os postes antigos que invadían o vial.