Solidariedade dos profesionais do CHOP con dous celadores agredidos este verán
Por Redacción
A Agrupación de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal) mostra a súa solidariedade con dous celadores do Hospital Montecelo que ao longo deste verán sufriron senllas agresións por parte de pacientes mentres prestaban servizos na área de Urxencias.
O colectivo profesional apoia os seus dous compañeiros, ambos os dous integrantes do equipo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), e condena "tallantemente" estas agresións e "calquera ameaza" cara aos traballadores sanitarios en exercicio do seu traballo.
Dende Prosagal aproveitan para denunciar os recortes "sen precedentes" que sufriu a sanidade pública, e aos que os centros médicos pontevedreses non son alleos, con reducións de persoal e remuneración mentres aumentan as xornadas laborais dos traballadores. Como sempre, pagan os máis débiles, alertan e apuntan a que neste caso os que pagan son os traballadores, pero eses recortes tamén afectan á calidade asistencial e, nalgúns casos, xeran "un grao de tensión entre os usuarios e os traballadores".