A indisposición dunha moza permite á Policía Local deter un 'trapicheiro'
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron nos últimos días un mozo de 35 anos ao que lle acusan dun presunto delito contra a saúde pública por traficar con pequenas cantidades de cocaína nas inmediacións dun local de ocio nocturno da cidade.
O operativo policial despregouse o pasado 16 de agosto. Segundo informan desde a Xefatura, sobre as 10.45 horas da mañá unha patrulla observou como dous homes saían dun bar de copas en compañía doutras dúas mulleres, unha delas "coas capacidades físicas mermadas". Os axentes repararon que menos dunha hora antes viran as dúas mozas pola rúa Pai Amoedo "en aparente estado normal".
Ante a estrañeza de que estivera tan mal en tan pouco tempo, os dous policías decidiron intervir para interesarse polo seu estado. Pero os catro se meteron nun vehículo que estaba aparcado na rúa Bos Aires e saíron en dirección Marín. Decidiron seguilos e os axentes, segundo a versión oficial, observaron como o home que ía no asento traseiro forcexaba coa muller que viaxaba con el e o condutor daba freadas continuas e aceleraba de forma súbita.
Así, os axentes optaron por darlle o alto ao vehículo. Tras identificar ao condutor, este deu negativo na proba de alcoholemia.
Os policías preguntaron sobre o forcexo entre a parella que ía nos asentos traseiros, explicando os ocupantes do vehículo que a citada muller entrara no local de ocio coa súa amiga. Estaba en perfecto estado e tras beber unha copa, sentiuse mareada e indisposta. Outro mozo, que se encontraba con ela na barra, tratou de levala fóra do local, polo que decidiron sacala do local e trasladala ao seu domicilio.
Pero posteriormente, nun rexistro superficial, ao mozo que ocupaba o asento traseiro intervéuselle medio gramo dunha substancia esbrancuxada, supostamente cocaína, recoñecendo tela mercado ao mesmo mozo que se atopaba no bar coa muller indisposta.
Coa descrición facilitada, os axentes da Policía Local de Pontevedra, ás 12:00 horas, procederon á detención deste home por tráfico de drogas, intervíndolle aproximadamente 10 gramos de cocaína (8,15 gramos en rocha e un envoltorio pequeno con 1.5 gramos en po).