Lanzan un SOS para o programa Vacacións en Paz
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
No ano 2007 familias acolledoras de toda España recibiron nas súas casas 15.000 nenos saharauís chegados dende os campamentos de refuxiados de Tinduf para pasar o verán no marco do programa Vacacións en Paz. No ano 2014, foron 4.500. En Galicia ese descenso fulminante do número de familias acolledoras desembacou en que este ano 2015 tan só chegaron á comunidade apenas 406 nenos, 170 deles á provincia de Pontevedra. As cifras son unha plasmación dunha realidade preocupante para a asociación que promove a iniciativa, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que o fai lanzar un SOS ás distintas institucións para que apoien con fondos o proxecto e poidan solucionar as "situaciones de emergencia que tenemos".
A presidenta do colectivo, Maite Isla, lanzou esta petición de axuda este mércores na Deputación Provincial de Pontevedra. Acompañou uns 85 nenos saharauís e as súas familias acolledoras na provincia de Pontevedra a unha recepción oficial na institución e, aproveitando o altofalante que supuxo o acto, pediu aos distintos concellos, deputacións e á Xunta porque "por poco que nos ayuden, hacemos maravillas".
Maite Isla realizou estas declaracións xusto nunha institución que asegura que sempre os apoia. Así, agradeceu que a nova presidenta provincial, Carmela Silva, lles recibise e á deputada de Benestar Social, Eva Vilaverde, o seu apoio dende a chegada ao cargo. Pero xa anunciou que nunha reunión inminente que terá con elas lles pedirá unha maior achega económica e que pida aos concellos a súa colaboración, na liña da que lles presta o Concello de Vigo, que cada ano paga a viaxe dos nenos saharauís que viaxan ata o municipio.
A asociación pide que os gobernos locais lles axuden a sufragar as viaxes dos nenos, pois a crise afectou drasticamente ás economías familiares e ter que pagar as viaxes dos nenos fai que moitos pontevedreses teñan que renunciar a acollerse ao programa.
A presidenta do colectivo pro saharauí reivindicouse como "la asociación que más está trabajando del Estado español" e contrapón esa situación á falta de respaldo económico: "lo que nos falta es la financiación que tienen otras comunidades".
Fronte a esa falta de apoio, destaca o "comportamiento ejemplar" das familias de acollida, a "columna vertebral" do programa que este ano, ademais, viviron situacións complicadas por temas de saúde. Varios nenos -dous fundamentalmente- caeron enfermos e mesmo houbo casos de intervencións cirúrxicas, de modo que "tuvieron dedicación exclusiva, las 24 horas al día dedicadas a los niños".