"Total sintonía" entre Concello e Deputación para reformar o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe
O Concello de Pontevedra encontrou un poderoso aliado para afrontar o seu proxecto de mellora da seguridade vial nos accesos a Montecelo e Príncipe Felipe. A Deputación mostrou este martes a súa "total sintonía" cos plans do goberno municipal. Así llo trasladaron os deputados nacionalistas Eva Vilaverde e Uxío Benítez ao concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, na reunión técnica que mantiveron ambas as dúas administracións.
Neste encontro, no que participaron responsables políticos e técnicos do Concello e da Deputación, se analizou o proxecto de mellora global de accesibilidade, seguridade vial e mobilidade -tanto peonil como no referido ao transporte público e os estacionamentos- no que está a traballar o concello capitalino para a estrada que chega ata o hospital e ás instalacións provinciais da cidade infantil.
Ambas as dúas partes, que destacaron o "bo clima" de colaboración que existe ao haber unha "filosofía compartida" nesta materia, acordaron consensuar estas propostas de calmado de tráfico ao longo das próximas semanas.
O proxecto municipal para este vial inclúe, entre outras cuestións, a construción de beirarrúas neste ámbito, a creación de sendas peonís, a reordenación das paradas de autobuses e das zonas de carga e descarga, a creación de estacionamento para motos, o traslado a lugares máis accesibles das áreas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida, a instalación de lombos e outras medidas de calmado de tráfico ou a mellora da iluminación.
Con respecto a Príncipe Felipe, a deputada Eva Vilaverde recordou que estas instalacións son un "macrocentro" educativo que xera un movemento próximo ás 1.500 persoas diarias "e todas elas atópanse cun problema de acceso e unha situación do viario que non é a máis segura". Neste sentido, a Deputación apuntou a posibilidade de crear unha glorieta no acceso á cidade infantil, para calmar o tráfico e facilitar a entrada e saída dos usuarios.
Así, o asesor provincial en materia de mobilidade, Jesús Fole, avanzou que estudará o anteproxecto que elaborou a Policía Local de Pontevedra para propoñer as actuacións que considera máis axeitadas para o ámbito de Príncipe Felipe.
Esta reunión encádrase nunha rolda de contactos que o Concello de Pontevedra iniciou con todas as institucións afectadas polas obras na vía que une a N-541 coa C-531 e que se centrarán, principalmente, no ámbito frontal de Montecelo e as inmediacións de Príncipe Felipe. A próxima semana haberá senllos encontros con responsables do CHOP e do CIFP Carlos Oroza para que tamén realicen as súas achegas ao proxecto.
O obxectivo do Concello é que esta actuación, que segundo Bará é "prioritaria", estea completamente definida a mediados do próximo mes de setembro e que as obras poidan comezar antes de que finalice este ano.
Relacionadas:
-
Propoñen un profundo redeseño nos accesos á cidade infantil Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A nova rotonda de acceso a Príncipe Felipe custará 550.000 euros e será licitada este ano
Por Redacción |
-
O "modelo de cidade" de Pontevedra será estudado nunhas xornadas que organiza a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños e técnicos sanitarios plantan cara á febre dos 'lombos'
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O xerente do CHOP reitera ao Concello o seu desacordo coa instalación de lombos diante do Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Bará acusa a oposición de ter "o cerebro motorizado porque cando analizan un proxecto pensan en coches"
Por Redacción |
-
Técnicos de ambulancias alertan de 46-48 lombos que "perjudican" o seu traballo, segundo o PP
Por Natalia Puga |
-
Moreira reitera ante o xerente do CHOP a súa oposición aos lombos nos accesos a Montecelo
Por Redacción |
-
O PSOE propón a eliminación ou rebaixa de 49 lombos para crear cinco vías de ambulancias a Montecelo
Por Redacción |
-
O PP quere que as ambulancias teñan un corredor libre de 'lombos' para chegar a Montecelo
Por Redacción |
-
O Concello estuda medidas para eliminar aparcadoiros irregulares en Montecelo
Por Redacción |
-
Proxéctase a mellora da seguridade peonil en Montecelo coa construción de beirarrúas
Por Redacción |