Iñaki Bretal e a basílica de Santa María, referentes de Pontevedra para o xornal arxentino "La Nación"
Por Alejandro Espiño
A cociña pontevedresa volve traspasar fronteiras. E esta vez encontrou eco na Arxentina. Un dos principais diarios do país, La Nación, fixouse nun dos xefes de cociña máis respectados da nosa cidade: Iñaki Bretal.
Nunha reportaxe sobre Galicia titulado En el punto de partida, o xornalista Daniel Flores elixe o seu restaurante, o Eirado da Leña, como un lugar de visita obrigada para todo arxentino que visite a comunidade autónoma.
En concreto, o histórico rotativo destaca de Iñaki Bretal que é un referente do movemento gastronómico Grupo Nove, que reúne os mellores profesionais da nova cociña galaica, "a resposta galega á vangarda vasca e catalá que hai anos tomou a dianteira". Ademais, recordan que o pasado mes de abril participou na II Semana Gastronómica Española en Bos Aires.
Xunto co apartado gastronómico, no que tamén recolle a excelencia dos albariños da DO Rías Baixas, La Nación recomenda tamén unha ruta polas principais cidades de Galicia. E entre elas, tamén reserva un apartado a Pontevedra.
Da cidade do Lérez, o xornal arxentino asegura que "compensa en pintoresquismo e historia" e que nela, segundo algúns historiadores, se construíu a carabela Santa María coa que Colón descubriu América, dando nome así á basílica construída no século XVI polo Gremio de Mareantes, monumento que atraeu o interese do autor desta peza.
A reportaxe completa pódese consultar na web do xornal La Nación.