Así se prepara Pontevedra para o DNI electrónico 3.0
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Este luns 24 de agosto os cidadáns que acudan á Oficina de Expedición de DNI e pasarporte da Comisaría Provincial xa poderán saír levando na carteira o seu novo DNI electrónico 3.0. Este formato de documento leva implantándose progresivamente en toda España dende o mes de xaneiro, pero aínda non podía expedirse na provincia de Pontevedra. Este luns chegará á cidade do Lérez; en setembro, a Marín, Lalín e Salvaterra; e en novembro, a Vigo, Vilagarcía e Tui. Para facelo posible foi necesario adaptar os equipos informáticos ao novo sistema, de modo que as oficinas permaneceron pechadas durante a xornada deste venres.
Que aconteceu nas oficinas do DNI e o pasaporte este venres? PontevedraViva presenciou parte do proceso de migración ao novo sistema e puido comprobar que, a pesar de permanecer pechada, as oficinas tiveron unha actividade frenética. Os responsables do servizo e da área de informática afanáronse por adaptar os seis equipos ao novo DNIe 3.0, para o que foi necesario instalar un novo software e realizar probas de funcionamento de todas as fases do proceso de expedición dun documento, que tarda unha media de 12 minutos e do que esta oficina emitiu no ano 2014 uns 26.000 documentos..
Antes de dar este paso, o xefe do Negociado da Oficina de Expedición do DNI e o pasaporte de Pontevedra, Ana Lucía Maceiras, explicou que no último mes o persoal da oficina xa recibira a formación necesaria para faciltiar esta migración ao DNI 3.0, que, segundo explican, "no es un cambio, es una mejora", de modo que os equipos son os mesmos, tan só tiveron que actualizar a aplicación.
O novo DNIe estará operativo de forma oficial este luns, pero uns poucos cidadáns xa teñen o seu exemplar dende o venres. Segundo explicou o delegado provincial de informática, Juan Costas Martínez, trátase de persoas coas que se pactara previamente que acudisen a renovar o documento de identidade e, de paso, actuar como 'coelliños de indias' e permitir que se probase o novo sistema. Entre eles había persoal da propia oficina e policías da Comisaría.
Tras presentar a mesma documentación que con ao versión previa e pagar as mesmas taxas -10,60 eruos-, leváronse á súa casa un documento que visualmente ten diferenzas co anterior, pero cuxo principal cambio é o relacionado coa súa seguridade e accesibilidade. Externamente, ten cores menos vivas, "la foto más grande y en el lado izquierdo y el chip lo lleva en la parte posterior" -no actual vai diante-. Internamente, está pensado para "eliminar las barreras que tenía el DNI actual para conectarse a las páginas".
Juan Costas Martínez explica esta vantaxe como unha das principais que achega o novo documento, pois coa versión actual é necesario utilizar un lector de tarxetas e instalar no ordenador os drivers do certificado instalados, de modo que se limitaba a súa accesibilidade. Ademais, tan só podía utilizarse a través de ordenadores. A diferenza desa situación, o novo non require ningún accesorio para poder utilizarse, senón que está equipado con tecnoloxía NFC, isto é, con tecnoloxía de campo próximo ou lectura sen contactos (NFC) que intercambia información entre dispostivos a menos dun centímetro. Isto é, "se puede situar a esa distancia de smartphones y dispositivos móviles como tabletas y el aparato ya lo detecta" e pode empezar a utilizarse.
Iso si, esta vantaxe do novo documento, unha das que máis se deixarán notar no día a día dos cidadáns, aínda non poderá utilizarse, pois, segundo o delegado provincial de Informática da Policía Nacional, agora será necesario que os organismos oficiais e entidades privadas adapten as súas páxinas webs e desenvolvan apps que permitan a conexióni a través do DNIe.
Ese chip instalado no docuemento cos datos do cidadán é, ademais, máis rápido e seguro e permitirá que a sinatura electrónica teña a mesma validez xurídica que a manuscrita, de tal forma que se poderán asinar electronicamente autorizacións. Ademais, terá total validez como documento de viaxe ou, o que é o mesmo, nos pasos rápidos e controis de fronteiras dos aeroportos ou outros puntos fronteirizos, poderá utlizarse tal e como agora se utiliza tan só o pasaporte.