Cotobade cita a todos os seus grupos folclóricos
Por Redacción
Cotobade soará a folclore este venres 21 de agosto. Será a partir das 20.30 horas coa celebración do Festival Folclórico Concello de Cotobade, que incluirá unha homenaxe a Ricardo Portela seguida da actuación de todos os grupos folclóricos do municipio e da Banda de Música.
Todos os grupos folclóricos interpretarán unha peza en conxunto diante do busto de Ricardo Portela ao tempo que se realizará unha ofrenda floral e, ao remate, está previsto un desfile ata a Praza da Chan.
O festival ten programada a actuación dos grupos Os Afoutes do Canon de Pau, Banda de Gaitas Foula de Cotobade e Os Trazantes de Tenorio, que farán un percorrido pola música e a danza tradicional. O peche da cita musicial correrá a cargo da Banda da Escola de Música de Tenorio.
O Concello de Cotobade aproveita para facer un balance moi positivo das actividades que se están a realizar dentro da programación do verán cultural, que están a ter unha ampla participación e este sábado continuarán coa Festa da Bicicleta pola maña e o Día do neno pola tarde con colchonetas e Festa da Espuma.