Piden 20 anos de cárcere por branqueo para os familiares dun narco arousano xa falecido
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes día 15 de xaneiro a apertura de xuízo oral contra varios familiares do narco arousano Manuel Barroso Millán aos que piden un total de 20 anos de prisión por blanqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas.
O xuízo aprazouse o pasado mes de xullo tras aportar a avogada, Carmen Ventoso, que representa á familia Barroso Millán, unha basta documentación na que xustificaba os ingresos, vida laboral e actividades dos procesados.
A escasa marxe de tempo co que se presentou a documentación facía imposible a súa analisis por todas as partes antes da celebración do xuízo.
Esa estratexia da defensa que o fiscal antidroga de Pontevedra, Luís Uriarte cualificou como unha fraude procesal.
Segundo o escrito de acusación Manuel Barroso Millán, falecido en decembro do ano 2010, ao longo da súa vida foise enriquecendo ilícitamente mediante a participación en operacións de narcotráfico.
Por estes motivos este narco foi condenado pola Audiencia Nacional á pena de 8 anos e seis meses de prisión pola participación no transporte de 800 quilos de cocaína no buque Zwanet en agosto de 1994. Igualmente aparece implicado en diversas operacións.
Con ocasión dun rexistro practicado no ano 2008 na bodega Montegrande Vinícola, S.L. en Meaño (Pontevedra), foi achada diversa documentación deste narco na que se contiñan claves empregadas en operacións de narcotransporte por vía marítima, así como fotografías e demais documentos relacionados con embarcacións dedicadas ao mesmo fin.
No mesmo rexistro descubriuse a libreta de navegación do seu fillo, acusado nesta causa, Carlos Barroso Poza, coas claves empregadas en operacións de narcotransporte. Este acusado foi rescatado o día 2 de xaneiro de 2009 en alta mar a unhas 23 millas do cabo Touriñán tras abandonar unha lancha que presuntamente estaba partipando nunha operación de transporte de droga.
Ao falecer Manuel Barroso o procedemento segue contra algúns dos seus familiares que segundo a fiscalía "con pleno coñecemento da procedencia dos fondos cos que se realizaban os negocios xurídicos, consentiron en aparentar e simular ser titulares de bens inmuebles cuxo auténtico titular era o acusado".
Os acusados son a esposa do narco falecido, tres dos seus fillos e a súa irmá
Entre outros bens baixo sospeita a fiscalía cita a construción dunha vivenda unifamiliar en Vilagarcía, a compra de varios vehículos de alta gama, bateas, importantes movementos bancarios, compra de leiras, a constitución dunha bodega Monte Grande Vinícola ou locais comerciais.
Deste xeito, imputados por un delito de lavado de diñeiro procedente do tráfico de drogas sentaranse no banquiño dos acusados a esposa do narco falecido, Laura Poza Rodríguez, tres dos seus fillos Mónica Barroso Poza, Carlos Barroso Poza e Juan Manuel Barroso Maneiro, e a súa irmá Esther Barroso Millán.
O fiscal pide para a esposa a pena de cinco anos de prisión, máis o pago de 2,5 millóns de euros, por un delito continuado de blanqueo de capitais; para casa uno dos tres fillos solicita a pena de catro anos de cárcere, con multas de 200.000, 250.000 e 500.000 euros, respectivamente, e para a irmá do narco, tres anos e seis meses de cárcere, ademais de 50.000 euros de multa.
A familia declarouse inocente ao iniciar o xuízo.