Propoñen á Deputación de Pontevedra un plan contra o maltrato animal
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera lanzou este mércores unha proposta para que a Deputación teña "voz" no traballo contra o maltrato e abandono de animais que se dá na provincia, visibilizado nestes últimos días por un video onde se capta dous individuos botando, a través dun enreixado, a un can na protectora " Os Palleiros".
A entidade sinala as múltiples posibilidades que pode poñer en marcha a administración provincial, e poñen como exemplo o traballo que a Diputació de Barcelona elabora xunto cos municipios e colectivos en defensa dos animais. O ente homólogo catalán dispón dun servizo de asesoramento para a implantación de plans locais de xestión ética de fauna urbana, isto é na maior parte das solicitudes, programas de control de colonias felinas.
Neste sentido os animalistas consideran fundamental a implicación da deputación pontevedresa, xa que formulan a creación dunha liña de axudas para todos os colectivos que traballen na provincia e que palie a saturación e a falta de colaboración que sofren por parte da Xunta de Galicia, que eliminou a única partida presupostaria para este fin en 2010.
Outra das proposicións que lanza a Asociación Animalista Libera é a posibilidade de que a administración provincial elabore material informativo para o desenvolvemento de campañas de sensibilización en municipios con poboación inferior aos 20.000 habitantes, contribuíndo a traballar no ámbito da concienciación cidadá e colaborando co aforro das contas municipais.
Para os defensores dos animais a Deputación de Pontevedra pode implicarse "o suficiente" como para comezar a previr o abandono de animais ou o seu maltrato, "ao revés do que sucedeu ata agora, onde se limitou a subvencionar corridas de touros e a construír unha macrocanceira" onde os animalistas piden un "modelo de cero sacrificios", a imaxe do que sucede en Cataluña.
Rubén Pérez, voceiro do colectivo animalista, sinala: "Armenteira podería converterse nunha referencia a nivel autonómico. Hai moito que mellorar nun sistema centralista, pensado para cumprir coa normativa pero non formulado para fomentar a adopción dos cans e gatos que foron cruelmente abandonados,".
"Cremos que a Deputación ten capacidade abondo para achegar o traballo de técnicos e fondos públicos para traballar contra unha eiva que tamén supón un custo aos cidadáns, como é o abandono," conclúe este voceiro.