Un gato, atrapado no antigo Cuartel da Garda Civil, mobiliza a Bombeiros e Policía local
Por Anxo Lourido
Levaba máis de dous días miañando, encerrado na antiga sede do Cuartel da Garda Civil. Os laios dun gato de rúa provocaron a alarma dunha veciña de Loureiro Crespo que chamou á Protectora de Animais Os Palleiros. A presidenta, Gloria Cubas, comentoulle á veciña que o seu colectivo non recolle gatos pero remitiuna a Difusión Felina, a plataforma que coida e ofrece en adopción ós pequenos felinos abandonados na cidade de Pontevedra.
Pero o gato atopábase atrapado no interior do edificio que se atopa en estado ruinoso e era incapaz de saír. Gloria Cubas, alertada de novo por outra compañeira de Os Palleiros, decidiu trasladar a alarma ao Concello de Pontevedra. Dende alí decidiuse enviar unha dotación dos Bombeiros e unha patrulla da Policía local para socorrer o animal.
Durante a tarde deste mércores 9, os bombeiros conseguiron acceder ao interior e abrir a porta da estancia na que se atopaba o gato que, unha vez franqueada a saída, fuxiu espavorecido do inmoble.
A presidenta, Gloria Cubas, afirmaba que "no entiendo cómo logró entrar en el edificio e cómo después no fue capaz de salir por el mismo lugar".