Pontevedra inicia os preparativos do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez
A xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns o anteproxecto do parque forestal da Fracha, unha iniciativa que persegue dotar ao municipio dun novo parque periurbano chamado a "xogar un papel fundamental na mellora da calidade de vida dos cidadáns", segundo destacou o voceiro do goberno local, Raimundo González.
Xa transcorreron dous anos dende que se inaugurou o parque do Pontillón de Castro, o primeiro parque forestal de Pontevedra, que construíu o Concello dentro do programa Monte Vivo. Agora trabállase no segundo parque en Gatomorto en Xeve coa idea de construír unha piscina natural aproveitando o paso do río como principal atractivo, e este luns deuse luz verde ao da serra da Fracha.
O anteproxecto contará cunha memoria e recollerá todas as cuestións relativas á tramitación administrativa desta iniciativa, como é o seu encaixe no plan xeral ou os permisos de Medio Ambiente e Medio Rural.
Ademais incluirá propostas de habilitación de sendeiros e instalación de mobiliario, xogos infantís, rutas para a práctica deportiva de bicicleta de montaña.
En total son 250 hectáreas nas parroquias de Marcón, Tomeza, Canicouva e Ponte Sampaio; as que englobaría este parque forestal, lindando cos municipios de Vilaboa e Ponte Caldelas.
Durante os próximos seis meses traballarase neste anteproxecto coa implicación das comunidades de montes afectadas, xunto á participación de colectivos ecoloxistas ou clubs deportivos, entre outros "para que teña garantía de futuro", sinalou Raimundo González.
Relacionadas:
-
O Parque da Fracha ocupará 240 hectáreas co reto de ser exemplo de xestión forestal
Por Redacción |
-
O Concello inicia contactos para emprender o proxecto do parque forestal da Fracha
Por Redacción |
-
A seca deste verán obriga a extremar as precaucións
Por Redacción |
-
Concello e Mancomunidade de Montes, da man para coidar, ordenar e explotar o monte pontevedrés
Por Alejandro Espiño |