O Concello de Pontevedra propón á Deputación un servizo provincial de compostaxe
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra suscitou ao Consorcio provincial de recolleita de lixos que promove a Deputación a construción de plantas de compostaxe.
A proposta formulouse na reunión de traballo participada por tres representantes do grupo provincial do PP, dous do BNG e dous do PSOE e presidida polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, na que se está articulando a constitución deste servizo provincial de recolleita e tratamento de residuos.
No encontro o concelleiro prontevedrés e voceiro do Grupo provincial do BNG, Cesareo Mosquera, expuxo a vontade do concello capitalino de sumarse a esta iniciativa "porque é absolutamente irracional o que se está facendo agora".
A incorporación da capital facilitaría que "haxa un volume suficiente para montar unha ou varias plantas de compost na provincia", isto cambiaría o sistema de contenedorización e ademais aliviaría a cantidade de residuos que chegan ata a planta de SOGAMA en Cerceda.
"Non ten ningún sentido que unha pataca cocida se queime cando abona extraordinariamente", citou Mosquera como exemplo.
Estaría disposto a cambiar o sistema de recolleita na cidade para separar os residuos orgánicos
Esta mañá abordouse esta formulación, e avanzando na proposta, a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva, presente na reunión, afirmou que o Concello de Pontevedra, que en principio non entraría no Consorcio, si estaría disposto a cambiar o sistema de recolleita na cidade para separar os residuos orgánicos e mandalos á planta que se puidese montar asociada a este sistema.
Na reunión de traballo abordáronse outras cuestións máis técnicas para a posta en marcha do servizo como é a redacción do reglamento interno de funcionamento do Consorcio.
Curiosamente o proxecto do consorcio é unha idea do BNG que foi rexeitada polo PSOE "porque dara un servizo peor e máis caro", pero acollida con estusiasmo por Rafael Louzán, fundamentalmente por tres motivos: reducir os gastos municipais, optimizar recursos especialmente no transporte e homoxeneizar as taxas e os servizos en todos os concellos da provincia.
Relacionadas:
-
Dúas mil familias pontevedresas formarán parte dunha experiencia piloto de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR solicita participar na elaboración do Plan provincial de residuos
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra propón unha planta provincial de compostaxe de 5,7 millóns
Por Oskar Viéitez |
-
"O compost xenera problemas e nos temos que xenerar solucións"
Por Oskar Viéitez |
-
Alcaldes socialistas rexeitan o Consorcio do lixo por "clientelar"
Por Anxo Lourido |
-
Entre 60 e 80 euros anuais de taxa do lixo
Por Oskar Viéitez |