A primeira fin de semana do Albariño deixa 167 condutores denunciados por consumo de alcohol ou drogas
Por Redacción
Un total de 167 condutores foron denunciados durante a primeira fin de semana da Festa do Albariño de Cambados pola Garda Civil de Tráfico por levar un coche baixo os efectos do alcohol ou as drogas. Seis foron detectados dando positivo por consumo de drogas e 161 por alcohol.
O subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra puxo en marcha un dispositivo especial da Festa do Albariño para garantir a seguridade vial e durante a primeira fin de semana de celebracións realizou 3.107 probas de detección de alcoholemia, das que 161 deron positivo. Do total de condutores infractores, 157 foron detectados polos axentes en controis preventivos, un tras cometer outra infracción e tres tras sufrir un accidente.
Dos 161 condutores que deron positivo, a 148 denuncióuselles por vía administrativa, mentres que a 13 se lles instruíron dilixencias para o seu posterior traslado á autoridade xudicial por superar a taxa de 0,60 miligramos de alcohol por litro de aire expirado.
Os axentes realizaron 14 probas de detección de drogas a condutores que presentaban algún síntoma de ter inxerido algunha substancia, cometeran algunha infracción ou se viran implicados nun accidente. Dos condutores sometidos ao test salival para comprobar a presenza no organismo de drogas, seis resultaron positivas, é dicir o 42,8% do total, aos cales se lles formulou expediente denuncia por vía administrativa.
A droga máis consumida é o cannabis, que deixou catro positivos, e dúas persoas deron positivo en consumo de cocaína. Ademais, en dous condutores detectouse policonsumo, é dicir, positivo a máis dunha substancia.
Ao mesmo tempo, este dispositivo especial reforzouse coa utilización de vehículos radar que denunciaron a 147 condutores que excederan os límites legais de velocidade establecidos.