Últimos retoques á Avenida Josefina Arruti
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Representantes dos grupos políticos municipais do BNG, PSOE e PP, realizaron unha visita este luns 3 de agosto acompañados por técnicos do Concello e das empresas que executan os traballos ás obras realizadas no novo vial da avenida Josefina Arruti e arredores.
O concelleiro de Obras, Luis Bará, sinalou que só quedan pequenos detalles para finalizar os traballos e calcula que no prazo de 20 días, antes de que finalice o mes de agosto, rematen todas as obras pendentes tanto na avenida Josefina Arruti coma nos arredores. Bará apuntou que as reformas máis importantes que quedan pendentes se encontran na avenida de Vigo co formigonado da zona de estacionamento, habilitación dos alcorques para a instalación das árbores, a sinalización así como a aplicación da última capa de pintura no paseo do río e a instalación das tapas de rexistro na nova avenida.
Bará apuntou a que tamén teñen prevista a mellora da zona situada ante a Galería Jaime Trigo, onde as beirarrúas se encontran afundidas. Neste sentido, o concelleiro anunciou que o xoves 6 manterá unha reunión cos veciños deste espazo.
Para a inauguración quérese contar coa titular de Fomento, Ana Pastor, xa que as obras son produto dun convenio de colaboración entre o ministerio e o Concello cun presuposto de 3.872.000 euros, adxudicado ás empresas Covsa-EC Casas, que contempla, con 1.116.000 euros, as melloras das rúas Estación, Avenida de Vigo, Luis Seoane ou o ramal de acceso na rotonda do Pino con Josefina Arruti.
A visita dos grupos políticos realizouse a partir dunha petición do Partido Popular co obxectivo de coñecer de primeira man e baixo as explicacións dos técnicos as características da obra. A representante de Ciudadanos, María Rey, non puido asistir ao encontrarse de vacacións mentres que ningún dos dous concelleiros de Marea Pontevedra se achegaron este luns a este ámbito.