San José adxudícase a construción do Museo do Louvre de Abu Dhabi
Por Redacción
San José, a primeira constructora galega, presidida por Jacinto Rey, con sede social en Pontevedra e base operativa en Madrid, adxudicouse o contrato de obras de construción do museo do Louvre de Abu Dhabi, deseñado polo arquitecto Jean Nouvel, e cun importe de 508,7 millóns de euros, segundo informou a empresa.
Trátase da primeira sede do emblemático Museo fóra de Francia, con cuxa ejecución a compañía pontevedresa dá un paso máis na súa estratexia de internacionalización.
San José fíxose co proxecto a través dun consorcio que completan Arabtect e Oger Abu Dhabi, e tras un "competitivo proceso de licitación", segundo subliña a firma nun comunicado.
O museo será unha das primeiras institucións que se levanten no distrito cultural de Saadiyat, unha illa natural de 27 quilómetros cadrados de superficie situada a dez minutos do centro da cidade de Abu Dhabi.
A illa acollerá a "maior concentración mundial de institucións culturais" e a marcas de "primeira calidade" en hostelería, educación e lecer, coa previsión de construír tamén hoteis de luxo, oficinas e campos de golf entre outras dotaciones.