A ITV para vehículos agrícolas desprázase a Ponte Caldelas
Por Redacción
Tractores e vehículos agrícolas de Ponte Caldelas e municipios limítrofes foron examinados na Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas instalada durante toda a mañá do venres na explanada próxima ao campo de fútbol municipal de Chan da Barcia.
Técnicos da empresa concesionaria de Inspección Técnica de Vehículos, Supervisión e Control, adscritos á estación de Ponte Bora, centráronse, fundamentalmente, en comprobar o estado dos freos e da dirección, así como outros puntos vitais na seguridade destas máquinas de uso agropecuario.
A revisión realizada por esta ITV móbil ten a mesma validez que calquera outra permanente existente en Galicia e o feito de que se instale en Ponte Caldelas permitiu aos propietarios de vehículos agrícolas do municipio e doutros lindantes como A Lama, Fornelos ou Soutomaior, poder pasar a correspondente revisión con total comodidade ao non se ter que desprazar ás existentes en Ponte Bora ou Curro, entre outras.
A revisión periódica destes vehículos agrícolas é obrigatoria e, ao mesmo tempo, é unha medida preventiva que mellora a seguridade dos usuarios destas máquinas que, por desgracia, son obxecto de continuos accidentes no mundo rural.