Comezan a traballar as brigadas municipais de loita contra incendios da Mancomunidade do Ulla-Umia
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Portas para comprobar o comezo da labor das brigadas municipais na Mancomunidade do Ulla-Umia. No acto estivo tamén presente o alcalde de Portas, Víctor Estévez, o presidente da mancomunidade, Roberto Vázquez, así como o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e o de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey.
En total, traballarán na prevención e defensa do monte ante os incendios nestes catro concellos 40 persoas en oito brigadas grazas a un convenio entre a mancomunidade e a Consellería do Medio Rural e do Mar que supuxo un investimento por parte da administración autonómica e dos concellos de 243.496,96 euros. Contarán con oito vehículos de aluguer.
Estas brigadas xurdiron a raíz da colaboración entre a administración autonómica e local grazas a un convenio que permitiu a posta en marcha de equipos humanos de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de maior risco de lume. Deste xeito, puidéronse contratar brigadas de cinco persoas, tendo en conta que estes equipos humanos e materiais foron subvencionados pola administración autonómica. Pola súa banda, os municipios comprometéronse, ademais, a limpar terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.
En concreto, durante estes tres meses, as brigadas levarán a cabo rareo de pistas e camiños forestais para facilitar o acceso de medios contraincendios en caso de emerxencias. Tamén executarán traballos de vixilancia e extinción que serán concretadas en todo momento polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia.
Os labores das brigadas executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito.