Sanxenxo pide axuda á Deputación ante o "grave problema de inseguridade vial" entre Portonovo e A Vichona
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo móstrase preocupado polo "grave problema de inseguridade seguridade vial" que se rexistra na estrada EP-9206, no tramo que une Portonovo e A Vichona. Para solucionalo, o goberno local pide axuda á institución responsable do vial, a Deputación de Pontevedra.
O goberno local remitiu un escrito á Deputación trasladando a súa "preocupación" pola falta de seguridade e o grave perigo derivado da invasión continua da beiravía por parte dos vehículos que elixen este espazo para estacionar. Demándalle unha actuación urxente, xa sexa mediante a colocación de morróns ou conos fixos na zona da beiravía ou calquera outra medida que decidan os técnicos provinciais.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez, considera urxente dar unha solución a este problema, que pon en risco diariamente a vida das persoas que se achegan camiñando a Portonovo e se ven obrigadas a internarse na zona reservada para a circulación viaria. Indica que o risco aumenta os luns e xoves pola celebración do mercado nas inmediacións da estrada e que entre os numerosos peóns que fan uso da vía están os nenos que acoden aos campamentos de verán do colexio Abrente de Portonovo.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo, actualmente intentan reducir a perigosidade mediante o control policial, pero a intensa afluencia de vehículos nesta zona nos días de mercado supera a eficacia de sancións e retiradas de vehículos.