A transferencia de Príncipe Felipe e o emprego, na axenda da entrevista solicitada por Carmela Silva ao presidente da Xunta
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que acaba de solicitar unha entrevista para o mes de setembro ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na que figuran como asuntos destacados a xeración de emprego na provincia e a transferencia dalgunhas competencias como a da Cidade Infantil Príncipe Felipe.
Durante unha visita a este centro educativo acompañada da deputada responsable da área, Eva Villaverde, a presidenta da Deputación pontevedresa explicou que quere falar con Núñez Feijóo "sobre a situación política, social e económica da provincia" para estudar as "potencialidades e necesidades" deste territorio e determinar "que respostas e sinerxías podemos poñer en común" de cara a converter a Pontevedra en "unha provincia socialmente moi avanzada".
Na axenda da presidenta da Deputación figura en segundo lugar o traspaso daqueles equipamentos e servizos que son competencia da Xunta de Galicia formulando a necesidade de crear "mesas de traballo técnicas" para abordar como se fan estas transferencias, en canto a mecanismos, prazos ou financiamento, entre outros asuntos.
"O noso compromiso era articular ese novo modelo de funcionamento da Deputación", sinalou Carmela Silva tras recordar que despois de reunirse cos concellos para formular este novo modelo agora é a quenda de falar coa Xunta.
Entre outros equipamentos que o goberno bipartito (PSdeG-BNG) da Deputación de Pontevedra quere transferir á Xunta están a Escola de Canteiros, Areeiro, Mouriscade ou o Campamento da Lanzada, pero a máis importante é a xestión da Cidade Infantil Príncipe Felipe, unha institución de carácter educativo e social, concibida para acoller e formar aqueles nenos e mozos en situación de risco ou exclusión social.
"O que non pode ser é que as administracións que teñen competencias non as presten ou miren para outro lado esperando que outra administración que non as ten por Lei as preste", advertiu Carmela Silva tras subliñar que acode ao encontro de Feijóo con "sentido positivo e a esperanza de que poidamos entendernos".
Na actualidade o centro Príncipe Felipe presta servizos sociais nas áreas de xuventude, familia, atención ao maior e muller, a través dos seus diversos centros residenciais, educativos e sociais. Tamén, dispón dunha área de orientación, inserción e formación ocupacional dende a cal se organizan diversos talleres dirixidos á busca de emprego.
A Cidade Infantil alberga un Centro de Primeira Acollida, un Centro Infantil-Maternais, unha Escola-Fogar, unha Escola Infantil, un Centro de Día, un Centro de Educación Especial, un Colexio de Educación Infantil e Primaria e o Centro de Formación Profesional Carlos Oroza. Ademais entre as súas instalacións conta cunha residencia, piscinas, un campo de fútbol de herba sintética, un pavillón polideportivo e un auditorio con máis de 600 butacas.
Como anécdota durante a visita Carmela Silva comentou os bos recordos que lle trae o Centro Príncipe Felipe xa que nel fixo as súas prácticas como profesora de educación especial.
Relacionadas:
-
O Príncipe Felipe terá 210 nenos en acollida
Por Redacción |
-
Carmela Silva aposta por potenciar os campamentos da Lanzada
Por Redacción |
-
Carmela Silva pide "lealdade institucional" a Feijóo e a Rueda ante as súas críticas ao novo goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Sen sorpresas. Carmela Silva presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |