Reordenan o aparcamento no ámbito do mercado
Por Redacción
O ámbito do mercado de abastos está a ser obxecto dunha actuación completa para reordenar o estacionamento. O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos para mellorar a zona de aparcamento situada detrás da praza, na avenida de Uruguai, e complementar esta medida con zonas de estacionamento de servizos na rúa Serra e na mesma avenida.
Entre outras medidas, xa se está a realizar una actuación que supón reordenar o estacionamento na zona traseira do Mercado para crear 13 prazas de aparcamento de carga e descarga, oito en batería e cinco en liña. Trátase de mellorar e ordenar o estacionamento nesta zona que sempre crea problemas de tráfico porque cada día hai coches e furgóns mal estacionados e impiden un bo funcionamento do carril máis próximo ao mercado.
Ademais, estase a habilitar unha zona de estacionamento de servizos na rúa Serra, en dirección á rúa Real e vanse crear tres novas zonas de estacionamento de servizos na avenida do Uruguai próximas á praza. Están ao carón da parada do autobús e en fronte, no outro sentido da circulación.
Segundo informou o Concello, o estacionamento de servizos obedece a unha petición dos usuarios do mercado de abastos e dos comerciantes deste ámbito que solicitaron a posibilidade de máis rotación nos aparcamentos en superficie.