A Xunta propón o copagamento para o Centro de Educación Especial do Saiar
Por Oskar Viéitez
A Asociación de Pais e Nais de Alumnos (Anpa) do Centro Ocupacional O Saiar decidiu mobilizarse contra o copagamento que a Xunta implanta este ano neste centro de educación especial que atende a veciños de Vilagarcía, Caldas, Barro ou Cambados, entre outros municipios.
Os pais explicaron que, co novo sistema, pasarán de non pagar nada pola formación dos seus fillos a ter que facer fronte a unha taxa media do 38% dos seus ingresos, entre 140 e 400 euros mensuais. Hai familias que só dispoñen dunha renda contributiva e que terán que destinar a metade da súa paga a este labor, segundo explicaron os pais.
A Xunta xa intentou unha medida similar hai tres anos, dando naquel momento marcha atrás despois dunha campaña de recollida de firmas e outras mobilizacións dos pais.
O Grupo Socialista ven de presentar varias iniciativas parlamentarias nas que acusan á Xunta de "provocar o peche do Centro Ocupacional O Saiar", e acusan á Consellería de Traballo e Benestar de trasladarlle ás familias "custes inasumibles" polo uso deste servizo.
O peche do centro foi evitado ata a data grazas ás medidas de protesta adoptadas polas familias e polos concellos de onde proceden as persoas usuarias deste centro, si ben advirte que de continuar esta campaña do goberno galego "o peche non estaría lonxe no tempo".