Detido por roubar tres veces en once días na mesma clínica de depilación
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo un mozo de 18 anos que entre o 21 de xuño e o 2 de xullo, en tan só once días, supostamente roubou en tres ocasións diferentes na mesma clínica de depilación da rúa Rosalía de Castro de Pontevedra.
O mozo, natural de Sanxenxo e con antecedentes policiais, foi localizado este luns 27 de xullo, sobre as 13.30 horas, na rúa Cobián Roffignac e posteriormente detido por tres delitos de roubo con forza. Tras tramitarse o correspondente atestado policial, o detido foi posto a disposición xudicial.
O primeiro roubo que se lle atribúe produciuse na madrugada do 21 de xuño, se ben o seu propietario non presentou denuncia ata o día 22. Referiu que alguén forzara a porta de entrada do seu negocio para acceder a este. Tras apancala, o autor do roubo revolveu todo o interior e levouse 300 euros da caixa rexistradora, un teléfono móbil, unha bolsa de deporte con roupa no interior, e un ordenador portátil.
O día 28 de xuño o propietario da mesma clínica, Dermolaser, interpuxo outra denuncia porque volveran forzar a porta de acceso e se levaran o diñeiro do interior dun caixón, se ben non eran máis de seis euros. O 3 de xullo volveu denunciar un roubo en similares circunstancias cun botín de 10 euros.
Os investigadores da Policía Nacional chegaron á conclusión de que os tres roubos foran obra da mesma persoa e identificaron o agora detido como o presunto ladrón.