Xa se pode pasear por Tafisa
Por Natalia Puga
Os terreos de Tafisa xa están abertos ao público. Os responsables da empresa promotora empezaron na tarde deste luns a retirar os miles de metros de valos instalados para pechar a parcela, de tal forma que se espera que a primeira hora deste mércores xa estea todo retirado e as zonas verdes e viais queden xa transitables e a disposición dos pontevedreses.
Desta forma, pasan a ser de titularidade municipal catro zonas verdes cunha superficie total de 28.786,53 metros cadrados, seis viais con 28.543 metros cadrados, unha parcela pública de 594 metros cadrados, outra de 3.173 metros cadrados e unha terceira de 1.746 metros cadrados. A maiores, hai unha parcela pública de 20.000 metros cadrados destinada á futura facultade das Artes.
A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, acudiu este martes á zona acompañada polo director xeral de Urbanismo do Concello e o xefe da Oficina de arquitectura municipal para dar a coñecer que ás 13.00 horas do luns se fixo a recepción oficial dos terreos de Tafisa. Formalizouse a través dunha comparecencia dun representante dos servizos xurídicos da empresa e un técnico responsable do proxecto de urbanización.
Da Silva explicou que as tarefas de retirada dos valos se están a realizar en coordinación entre a empresa e a Policía Local e se concibiron de tal forma que as últimas en retirarse serán as que pechan os viais. Nese momento, os coches poderán circular, de modo que os axentes municipais revisaron que a sinalización sexa a correcta.
A recepción dos terreos permitirá que o Concello teña miles de metros cadrados de zona verde e executar proxectos futuro que aínda non se concretaron enfocados á "integración do río nesta zona da cidade", así como reducir o tráfico do vial que vai pegado ao río e poder utilizar as zonas verdes de Tafisa para actividades como eventos deportivos.
As zonas verdes de Tafisa están nun bo estado de mantemento, pero as parcelas urbanizables da parcela encóntranse en estado de semi abandono. Agora que o terreo xa é municipal, Da Silva indicou que o Concello se encargará do seu coidado. A limpeza e mantemento tanto da zona verde coma do resto de espazos están recollidos no novo contrato de xardíns que se adxudicará a Cespa.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra reclama a limpeza dos solares da antiga Tafisa
Por Redacción |
-
Persisten as queixas veciñais polo estado da parte traseira do CGTD
Por Redacción |
-
O Concello recepcionará de oficio os terreos de Tafisa ante as "largas" da empresa
Por Alejandro Espiño |
-
O Grupo Lar borra as súas pegadas dos terreos de Tafisa
Por Oskar Viéitez |
-
Amplían en 15 días hábiles o prazo para que Lar entregue a urbanización de Tafisa
Por Oskar Viéitez |