Síntete coma Vettel ou Fernando Alonso en Sanxenxo
Por Redacción
Os cidadáns poderán visitar ata o mércores no Porto Deportivo de Sanxenxo unha réplica do coche de Fórmula 1 da escuderia Ferrari, pezas únicas de pilotos e un simulador.
Ademais, os asistentes poderán entrar no Motorhome Santander, unha unidade móbil con elementos interactivos, contidos audiovisuais e multimedia, simuladores, realidade aumentada, etc.
Trátase dunha actividade promocional que chega a Sanxenxo para combinar a aposta pola seguridade vial coa curiosidade pola Fórmula 1.
Unha pequena estrutura sobre a Praza do Mar alberga no seu interior un videomatón, que permitirá aos visitantes protagonizar un vídeo pilotando un formula 1 e recibilo no seu correo electrónico; unha actividade de realidade virtual que contará con tres postos equipados con lentes especiais que permiten vivir a experiencia de percorrer o circuíto de Mónaco ao volante dun coche de Fórmula 1; e unha exposición sobre a historia da escuderia Ferrari na Formula 1 a través dunha composición dos pilotos e as escenas máis importantes deste equipo na competición mundial, dende os seus inicios ata a actualidade.
Xunto á unidade móbil principal está instalado, ademais, un circuíto inchable de coches infantís. As actividades estarán abertas ao público de 12 a 21 horas, son de acceso gratuíto e están destinadas a toda a cidadanía.