Denuncian por cuarta vez en dous meses un home que conducía a pesar de ter perdido todos os puntos
Por Natalia Puga
Un veciño de Marín foi imputado por cuarta vez en dous meses polo mesmo delito: conducir sen carné por perder todos os puntos. A última produciuse este mércores 22 de xullo entre Poio e Pontevedra, cando foi sorprendido por unha patrulla da Garda Civil.
O agora imputado por un delito contra a seguridade vial, J.I.S.F., será sometido a xuízo rápido este venres no Xulgado de lnstruccion número 1 de Pontevedra, en funcións de garda cando se produciu a imputación.
Os feitos aconteceron sobre as 13.50 horas deste mércores na estrada PO-308, que comunica Poio e a parroquia pontevedresa de Campañó. Unha patrulla da Garda Civil realizaba tarefas de prevención da seguridade cidadá no ámbito, no termo municipal de Poio, cando deron o alto a un turismo Volkswagen Transporter conducido por J.I.S.F.
Os axentes comprobaron os datos do condutor e puideron descubrir que lle retiraran o carné ao ter perdido todos os puntos, de modo que se lle imputou un delito contra a seguridade vial. Nese momento descubriron tamén que xa era reincidente nese tipo de condutas e que nos dous últimos meses xa o denunciaran polos mesmos feitos en tres ocasións anteriores.