Queda atrapada no seu coche tras bater cun camión
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
Os bombeiros de Pontevedra acudiron pouco antes das tres desta tarde a excarcerar unha muller atrapada no seu vehículo tras bater cun camión.
A condutora saía co coche da súa vivenda marcha atrás, para incorporarse ao tráfico da PO-542, a estrada entre O Pino e Bora, que se atopa en obras para o seu desdobramento.
Ao saír de cu invadiu co coche o carril de circulación sendo golpeada por un camión de transportes da empresa DHL que nada puido facer por evitar a colisión.
Como consecuencia do impacto o vehículo saíu proxectado uns metros chocando o frontal contra a casa.
Debido ao dobre impacto esta veciña de Marcón quedou atrapada no interior do vehículo, un Opel Corsa, polo que foi necesaria a intervención dos bombeiros para excarcerala.
A vítima está sendo atendida nun centro sanitario de Pontevedra.