Louzán presenta a actuación da Avenida Luis Rocafort en Sanxenxo
Por Redacción
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, acudiu este sábado 11 a Sanxenxo para, acompañado polo alcalde Gonzalo Pita e por varios membros do grupo de goberno ademais de integrantes do grupo municipal do PP, presentar o proxecto da avenida Luis Rocafort e visitar as obras iniciadas.
O proxecto afecta a un tramo dun quilómetro comezando no Paseo de Silgar. Quedan pendentes de urbanizar os últimos 200 metros para unha segunda fase na que a Deputación provincial inclúe o túnel baixo a rotonda de Arnelas. Louzán indicou que o anteproxecto para poñer en marcha esta iniciativa se encontra moi avanzado pero apuntou que a execución dependerá do novo goberno da Deputación.
A actuación presentada este sábado inclúe a renovación de servizos e do firme. Presenta unha planta irregular ao quedar sen arranxar as cesións en varios puntos impedindo que a aliñación poida definirse a 12 metros do eixe da estrada. O alcalde de Sanxenxo comprometeuse a xestionar cos veciños a cesión deses terreos. A reforma supoñerá a dotación de colectores para augas pluviais e residuais, a renovación da rede de abastecemento, da iluminación pública que continuará coa instalación de farois iguais ás do paseo de Silgar. O investimento supera o 1.100.000 euros.
A continuación o presidente da Deputación e os técnicos desprazáronse ata o Pazo de Quintáns, un edificio emblemático do século XII, que se encontra abandonado e cheo de maleza. Louzán sinalou que se acaba de licitar por 72.000 euros un proxecto básico e un plan de usos, que deberá estar entregado nun prazo máximo de catro meses.
Relacionadas:
-
Carmela Silva asegura que o proxecto de Luís Rocafort non se axustaba ao Plan Xeral de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Estudan ampliar a toda a rúa a reforma prevista na avenida Luis Rocafort
Por Redacción |
-
O convenio para o proxecto de rehabilitación do Pazo de Quintáns amplíase tres meses
Por Redacción |
-
Sorpresa no Goberno local de Sanxenxo ao coñecer que o Pazo de Quintáns é propiedade municipal
Por Redacción |
-
Dragados urbanizará a Avenida Luis Rocafort por un millón de euros
Por Redacción |
-
Licitan por 1,1 millóns de euros unha obra para desconxestionar o tráfico de entrada a Sanxenxo
Por Redacción |