Preparen os infladores... chega o Mundial de Colchóns Inchables de Sanxenxo
Por Redacción
Todo está listo para que este domingo 12 de xullo a diversión sexa a principal protagonista dunha das probas máis curiosas que se celebran durante o verán, o Campionato Mundial de Colchóns Inchables de Sanxenxo, que organiza' a Asociación Lúdica e Cultural 'O Cubreiro'.
Este ano a saída será dende a Praia da Panadeira e, como nas anteriores edicións, os participantes non só deben demostrar as súas calidades deportivas senón tamén o seu sentido do humor para escoller un disfrace e un colchón que os distinga dos seus adversarios.
A inscrición realizarase a partir das 11.30 horas coa entrega de números e a toma de medidas de seguridade. Na categoría infantil, os participantes teñen que levar obrigatoriamente un chaleco salvavidas que se facilita por parte da organización.
Para esta ocasión tamén se pon a disposición dos concursantes un photocall para deixar o retrato da asistencia á cita. Antes da saída, os participantes e tamén o público quentan baixo as ordes da organización.
A partir das 13.00 horas tomarán a saída os nenos menores de 10 anos, media hora máis tarde, celebrarase a proba para os adolescentes de entre 10 e 14 anos. E a partir das 14.00 horas disputarase a carreira de adultos.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, así como para os tres mellores disfraces, consistente nunha cea nun restaurante de Sanxenxo, e para os colchóns máis orixinais. Como novidade, este ano o mellor disfraz en grupo tamén contará con premio.
Na pasada edición foron 200 persoas as que interviron neste divertido evento e a organización espera superar esa cifra durante este domingo.