O alcalde de Portas pídelle axuda á Xunta para arranxar o teito da Azucarera
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Portas, Víctor Estévez falou este luns co delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, trasladándolle os temas que máis preocupan á localidade, "en especial as necesidades da Azucareira, onde se atopa un centro de día, unha escola infantil e un auditorio".
Neste senso, Victor Estévez trasladou a necesidade da execución de melloras no teito do edificio "de xeito que poidamos evitar humidades e filtracións. Trátase dunha obra moi importante que necesitará ser executada a través de varias fases e para a que tentaremos conseguir financiación", engadiu o novo rexedor de Portas.
Entre os temas que se analizaron na reunión destacaron a necesidade do concello de seguir a potenciar tanto a concentración parcelaria como o Camiño Portugués a Santiago, así como o saneamento das parroquias do municipio.
Deste xeito, Cores Tourís iniciou este luns no concello da Portas unha rolda de visitas institucionais cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.