En estado grave un mozo que caeu da ponte da Barca nunha competición de esgarros
Por Redacción
Un veciño de Poio de 20 anos permanece ingresado en estado grave na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do CHUAC da Coruña tras sufrir unha caída accidental na madrugada do sábado ao domingo dende a ponte da Barca. Segundo puido saber a Policía, no momento en que se precipitou ao baleiro estaba a realizar unha competición de esgarros cos seus amigos.
Os feitos aconteceron pasadas as 3.30 horas da madrugada, cando o mozo se precipitou dende a ponte á rúa situada xusto debaixo, Almirante Matos. O mozo estaba de bromas cos seus amigos e, nun momento dado, achegouse á varanda, perdeu o equilibrio e rematou tirado na beirarrúa. Caeu dende unha altura duns oito metros.
Os amigos que o acompañaban alertaron ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 e desprazáronse ata a zona tanto unha ambulancia do 061 coma varias patrullas da Policía Nacional, que se entrevistaron coas persoas que presenciaron a caída para tratar de determinar que sucedera.
O mozo recibiu unha atención sanitaria de urxencia e foi derivado finalmente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde ingresou con prognóstico grave. Sofre múltiples fracturas e unha lesión medular que lle mantén na UCI aínda que consciente.