Verducido homenaxea as súas raíces cunha Festa do Canteiro que cumpre quince anos
Por Diego Torrado
Centos de persoas uníronse este domingo á homenaxe que, un ano máis, rendeu a parroquia de Verducido á súa longa tradición de artesanía en pedra. Foi cunha nova edición, a décimo quinta, do seu tradicional Festa do Canteiro, que ofreceu aos asistentes unha agradable xornada que compartir con familiares e amigos.
A carpa instalada na área recreativa do Pontillón do Castro serviu para dar refuxio do sol aos veciños de Verducido e de toda Pontevedra que se achegaron para degustar o churrasco e o polbo que, dende primeira hora da mañá, se serviu nos postos de degustación.
Todo iso amenizado coa actuación, xa pola tarde, do Dúo Marema. Tamén houbo actividades para os máis pequenos con inchables, un touro mecánico e unha festa da escuma.
A XV Festa do Canteiro foi organizada pola Asociación Cultural Festa do Canteiro, coa colaboración da Comunidade de Montes de Verducido e a Deputación de Pontevedra.
Recorda a longa tradición de canteiros que hai tanto en Verducido coma en Xeve, de onde xurdiron grandes labradores da pedra durante os últimos séculos e que foron transmitindo este duro oficio de pais a fillos.