As Festas do Carme quentan motores cunha concorrida concentración moteira
Por Redacción
Non hai verán en Marín que non comece xa coa tradicional concentración mototurística que organiza a asociación Free Bones Bikers. Centos de persoas participaron durante toda a fin de semana na ampla programación dun evento que, como vén sendo habitual, serve para quentar motores para o inicio das celebracións patronais das Festas do Carmen.
A quedada moteira comezou o pasado venres, día no que a pesar da chuvia, foron moitos os que xa acudiron á carpa habilitada no Paseo Antonio Blanco, nas inmediacións do porto, para inscribirse no evento e participar nas primeiras actividades, entre elas un concerto cos grupos La Bodega de Ton, The Pretty Shirts e Chroma.
Xa o sábado, inchables, xogos populares e o rock clásico de DJ Gramola animaron a tarde aos participantes, pero sen dúbida a grande atracción foi a exhibición de stunt que protagonizou Narcís Roca -un espectáculo que se repetiu o domingo pola mañá-.
Unha cea en diferentes locais de hostalaría, a tradicional ruta con fachos pola zona urbana e unha sesión DJ ata altas horas da madrugada puxeron o broche de ouro ao día grande.
Tras unha sesión vermú, celebrada xa o domingo a mediodía, comezou a despedida entre os participantes desta concentración, emprendendo a ruta de regreso ás súas respectivas localidades de orixe.
Os organizadores estiman que participaron nesta concentración mototurística máis de 3.000 persoas ao longo destes tres días.
Relacionadas:
-
O goberno local de Marín, satisfeito polos desenrolo das Festas do Carme
Por Redacción |
-
Marín pecha a semana grande das Festas do Carme
Por Diego Torrado |
-
Marín celebra as Festas do Carme cunha semana repleta de actividades
Por Diego Torrado |
-
Marín presume de 'alma cultural' con catro festivais artísticos en xullo
Por Redacción |
-
Búscanse nenos para participar nas carrozas da batalla de flores nocturna
Por Oskar Viéitez |
-
Un festival con Pitingo, Álex Ubago e Efecto Mariposa, principal atracción das Festas do Carme
Por Diego Espiño |