Ferido grave un motorista que bateu contra un muro na PO-313
Por Redacción
Non foi un bo día este sábado para as estradas da comarca. Horas despois do accidente que se produciu en Marcón, os servizos de emerxencia tiveron que atender outro aparatoso sinistro en Marín. Un motorista resultou ferido grave tras chocar contra un muro na PO-313, a estrada que une o municipio marinense con Moaña.
O accidente produciuse en torno ás dez e media da noite na zona de San Xulián, concretamente nas inmediacións da coñecida empresa Maderas Entenza.
O home que viaxaba sobre a moto en dirección a Marín, por causas que se descoñecen e que están a investigar as autoridades, perdeu o control do vehículo e saíu da vía. Acabou chocando contra un muro situado nun lateral da estrada.
O violento impacto provocou que a moto quedase totalmente esnaquizada e que o seu piloto sufrise feridas de gran consideración, das que xa foi atendido no lugar do accidente antes do seu traslado a un centro hospitalario. Por agora, descoñécese o seu estado.
Ao lugar do accidente trasladáronse, ademais das Urxencias médicas do 061, a Policía Local, a Garda Civil de Tráfico e voluntarios da agrupación de Protección Civil de Marín.