Sanxenxo ultima unha ampla programación cultural e deportiva para os meses de verán
Por Redacción
Dous meses cheos de actividades culturais e deportivas. É o que ultima ofrecer o Concello de Sanxenxo, en colaboración co tecido asociativo da vila, durante o verán. En total, se prevén levar a cabo máis de vinte iniciativas deseñadas para todas as franxas de idade.
Unha delas será, este mesmo luns 6 de xullo, as Ludotecas na rúa, unha iniciativa da Concellaría de Cultura, que ten carácter itinerante e que en períodos de cinco días irá percorrendo as diferentes parroquias do municipio. En todas as quendas se inclúen obradoiros e xogos de animación na rúa para nenos de 3 a 12 anos e unha “velada nocturna” para nenos de ata sexto de Primaria.
Cun horario que vai de nove da mañá ata as dúas e media da tarde, agás o venres que remata ás doce, esta ludoteca comezará esta primeira semana na Casa de Cultura de Dorrón, para posteriormente irse desprazando ao Pazo Emilia Pardo Bazán, á Casa Forestal As Canteiras de Noalla, ao colexio de Portonovo, á Telleira de Vilalonga, ao colexio de Nantes e ao parque infantil de Bordóns, onde rematará na semana do 24 ao 28 de agosto.
Desde o pasado día 1 e ata o 31 de agosto, estase a desenvolver o Campamento Deportivo de Verán Saraiba do Mar que, en horario de 9.30 a 14 horas achegará aos participantes, no pavillón municipal de Baltar, a diferentes disciplinas deportivas.
Tamén en colaboración co Círculo Cultural e Deportivo Sanxenxo terán lugar nestes dous meses uns cursos de natación destinados a cativos, que se desenvolverán nas instalación que o Círculo ten en Contumil. Esta entidade abre tamén a posibilidade de participar na súa escola de tenis e pádel, con clases que se impartirán tamén nos meses de xullo e agosto.
Nestas mesmas dependencias, e tamén coa colaboración do Concello, impartiranse clases de inglés, de francés e de chino, para as que é preciso inscrición previa; mentres que o club de piragüismo da Confraría de Pescadores de Portonovo complementa a oferta deportiva con cursos de iniciación ao piragüismo e rutas en kaiak que se irán programando ata o mes setembro.
Ademais da III Bandeira Nauta Sanxenxo, celebrada esta tarde da praia de Silgar, o calendario de eventos deportivos complétase co VIII Torneo Rugby Praia previsto para o día 11 de xullo, o torneo aberto de billarda, que se desenvolve este domingo na Praza do Mar e o día 12 en Vilalonga e o III Trofeo Sanxenxo Mini BTT, tamén na mesma xornada.
A esto hai que sumar, recordan desde o goberno municipal, as Festas do Sacramento -este domingo en Vilalonga e o día 12 en Noalla-, a Festa Infantil tamén programada para o vindeiro domingo pola Comisión de Festas de Vilalonga, ou o VII Campionato Mundial de Colchóns Inchables de Sanxenxo, actividades todas elas de carácter lúdico.
Por último, será da man de Porenarte en conxunto co Concello de quen chegue a animación a Portonovo. Concertos como o Rockenarte, encontros de cine ou animación sociocultural son un avance da ampla programación que se desenvolverá en Portonovo.