Cortes na Autovía do Salnés durante unha semana por traballos de repintado
Por Redacción
A partir deste luns 6 de xullo, haberá restricións ao tráfico na Autovía do Salnés durante unha semana. É o tempo no que se estima que estarán rematados, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan, os traballos de repintado parcial das marcas viarias en todo o seu trazado.
Trátase de tarefas de conservación ordinaria que a Xunta de Galicia ordena levar a cabo periodicamente para manter a sinalización en bo estado e que sexa facilmente perceptible polos usuarios.
O repintado realizarase nas dúas calzadas, nos treitos que o precisen. Iniciarase pola calzada dereita (sentido Sanxenxo) e posteriormente traballarase na esquerda (sentido Curro).
Para repintar as marcas viarias será necesario executar cortes dun carril no tronco da autovía, de lonxitude aproximada de catro quilómetros, deixando en todo momento un carril habilitado para a circulación.
Durante o tempo que se produzan estas actuacións manteranse informados aos usuarios mediante os paneis de mensaxería variable da autovía e a correspondente sinalización.