A nova escola infantil de Seixo xa vai collendo forma
Por Redacción
As obras da nova escola infantil de Seixo, destinada a nenos de entre 0 e 3 anos, seguen avanzando e o bo tempo está a axudar á súa execución. Trátase dunha infraestrutura socioeducativa moi demandada polos veciños e a comunidade escolar de Marín e para a que se investirán 402.476,10 euros.
Despois dos labores de demolición das antigas casas dos profesores do colexio de Seixo, iniciáronse os traballos destinados á construción da escola infantil en Seixo que, segundo o goberno municipal, fortalece a continuidade do colexio ao contar cun servizo máis que fideliza o alumnado dende os primeiros meses de idade.
O proxecto que serve de base e que foi presentado pola Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Benestar Social aséntase sobre unha parcela, de forma sensiblemente rectangular, e desenvólvese unha edificación en planta baixa ocupando a parte norte e este desta e deixando a zona sur e oeste da parcela para usos exteriores.
O edificio contará cunha única planta de 398,50 metros cadrados. Terá ademais un soportal cuberto de 128,03 metros cadrados e 351,11 metros cadrados de áreas de patio e xardín.
O chan onde se vai construír ten a cualificación e clasificación urbanística de urbano de uso dotacional público segundo o Plan Xeral de 2012, e o proxecto básico e de execución conta con todos os informes técnicos e xurídicos favorables.
MELLORAS NO COLEXIO
Ademais, o Concello de Marín tamén afrontará unha serie de melloras no patio do colexio público de Seixo. Unha vez sexa retirado o valado que protexe as obras da escola infantil, investiranse 20.000 euros para arranxar este ámbito. Con cargo ao plan de investimentos da deputación provincial, colocarase chan de caucho na zona de xogos infantís e arranxaranse outras deficiencias detectadas no patio.
Relacionadas:
-
Un parque de xogos completará a mellora do patio do CEIP de Seixo
Por Redacción |
-
A construción da Escola Infantil de Seixo rematará a finais do verán
Por Redacción |
-
As obras da gardaría de Seixo avanzan a bo ritmo
Por Redacción |
-
A escola infantil de Seixo estará rematada no verán e empezará a funcionar o próximo curso
Por Redacción |